Concello da Coruña

Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

12 de novembro de 2018

O Pleno dá luz verde á aprobación inicial da modificación do PXOM para incorporar novos elementos ao catálogo de protección, “un paso máis no compromiso do goberno local coa posta en valor do patrimonio cultural, artístico e urbano da cidade e a memoria dos barrios”

A Cámara municipal aprobou dúas mocións conxuntas: unha en apoio aos e ás traballadoras de Alcoa e que referenda os acordos acadados o pasado día 8 en Madrid polo alcalde e outra para impulsar un centro de arte contemporánea na cidade que dea continuidade ao MAC

O Pleno municipal aprobou esta tarde, de forma inicial, o documento de modificación puntual do Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) da Coruña para incorporar novos elementos ao catálogo de protección da cidade, "o que supón un novo paso no compromiso do goberno local coa protección e posta en valor do patrimonio cultural, artístico e urbano". Así o manifestou o concelleiro de Rexeneración Urbano e Dereito á Vivenda, Xiao Varela, que incidiu no traballo desenvolvido polo Concello non só para incluír novos elementos de protección ao catálogo vixente, senón tamén para revisar, detectar e corrixir as posibles eivas existentes no PXOM, que até o de agora "non daba o recoñecemento necesario a pezas moi relevantes vencelladas á memoria colectiva dos barrios". "Logo dun traballo minucioso traemos a Pleno unha modificación do catálogo de protección que incorpora ao mesmo 40 novas fichas de elementos arquitectónicos, (moitas delas que inclúen varios inmobles, ao tratarse de conxuntos), así como catro novos bens de protección e tres novos elementos etnolóxicos, ademais da individualización de moitos dos xa recollidos no catálogo, o que permitirá un seguimento máis eficaz dos mesmos", explicou o edil. En total, 83 novos elementos.

Na súa intervención no Pleno, o responsable municipal, indicou que, ademais do recoñecemento da memoria colectiva dos barrios, a modificación ten por obxecto recoñecer os vestixios das capelas xa esmorecidas na cidade dende unha perspectiva arqueolóxica, como as de San Roque, San Xoán e Atocha, así como mellorar e poñer en valor á Viaxe de Visma, elemento histórico de captación e condución de auga, que a levaba dende os mananciais de Nelle e Vioño até ao pé da Cidade Alta no século XVIII. Varela tamén salientou que a modificación do PXOM "completa e fortalece o recoñecemento do patrimonio racionalista nos barrios dos Mallos e Monte Alto, así como, por primeira vez, aborda a posta en valor deste mesmo tipo de arquitectura no barrio da Sagrada Familia". Ensalzar o patrimonio industrial, coa catalogación do edificio da Citröen na Gaiteira, inmoble emblemático do barrio, cuxa memoria é reivindicada pola asociación veciñal, así como dignificar o bordo litoral, recoñecemento a diversidade de usos tradicionais e orixinarios da cidade en espazos como, por exemplo, o peirao das Xubias ou o Club do Mar, son outras das novidades da modificación aprobada este luns. "O que intentamos foi procurar unha maior equidade na protección ao longo de toda a cidade. Os barrios tamén teñen memoria, e esta debe ser protexida da especulación e do urbanismo depredador", reflexionou o concelleiro, que tamén incidiu no traballo "para outorgar valor patrimonial ás arquitecturas da segunda metade do século XX na cidade, incorporando ao catálogo as recomendacións da máxima autoridade académica nesta materia, o Docomomo (Comité Internacional de Documentación e Conservación de Edificios, Sitios e Barrios do Movemento Moderno) e que se corresponden, por exemplo, coa Escola de Artes e Oficios Pablo Picasso ou o edificio POU, de Miguel Fisac".

A modificación urbanística, que precisaba da maioría absoluta do Pleno, foi aprobada co voto favorable de todas as formacións con presenza na Cámara agás o PP, que se abstivo. A este respecto, Varela lamentou "o adelgazamento do catálogo de protección co anterior goberno municipal". "A realidade é que fronte ao mirar para outro lado, o actual goberno local vixía e actúa, como fixo coa protección das murallas na obras da Solana ou na Maestranza", dixo. "E esta protección e posta en valor non é ningún sinónimo de ralentización", comentou ao fío Varela, quen manifestou que, no que vai de ano, o Concello leva concedidas máis de 800 licenzas de obra, fronte ás 562 rexistradas en 2014 co anterior executivo municipal, un 42% máis.

Tras a aprobación inicial desta modificación do PXOM, o goberno local solicitará os informes sectoriais necesarios, así como someterá o documento ao trámite de exposición pública. Ao fío, o Pleno tamén deu luz verde á suspensión cautelar de procedementos urbanísticos que sexan incompatibles cos novos graos de protección.

Mocións

Por outro lado, e tal e como estaba previsto, o Pleno aprobou por unanimidade dúas mocións presentadas de forma conxunta por todas as forzas presentes na corporación: unha en favor dos e das traballadoras de Alcoa e contra o ERE extintivo que ameaza as plantas da Coruña e Avilés e outra que chama á colaboración de todas as institucións con competencia para impulsar na cidade un centro de arte contemporánea que dea continuidade ao traballo desenvolvido polo MAC.

A iniciativa relativa a Alcoa, que se debateu Pleno tan só catro días despois de que o alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro, participase en Madrid nun encontro con representantes tanto do goberno central como do autonómico, manifesta a necesidade de apoiar os acordos acadados na citada xuntanza. Estes, tal e como xa informou o propio rexedor, pasan pola creación dunha mesa de traballo na que participen tanto administracións públicas como axentes sociais e a propia Alcoa, que deberá retirar o ERE de extinción a fin de sumarse a un proceso de negociación efectivo. O mantemento da unidade de acción entre as diversas administracións públicas e a activación, antes de fin de ano, de medidas que favorezan a promoción dun marco enerxético estable no ámbito da industria electrointensiva son outros dos acordos acadados. "O reloxo corre para os tempos do ERE e é necesario tomar medidas urxentes. É importante sentar a Alcoa na mesa, e é necesario que as administracións usen todas as ferramentas legais e constitucionais que teñen na man xa que, neste momento, non se pode esperar das institucións máis que firmeza e poñer enriba da mesa os mecanismos que temos", dixo o primeiro edil, quen chamou a atención sobre a "unidade" tanto das forzas como da cidadanía da Coruña contra o peche de Alcoa. "A cidade está a responder e deu mostras dende o primeiro día, cunha manifestación multitudinaria, da importancia da pervivencia dos postos de traballo", engadiu.

Tamén foi aprobada por unanimidade a segunda moción conxunta da sesión plenaria, que insta á colaboración e cooperación das institucións implicadas para impulsar na cidade un centro de arte contemporánea que sexa herdeiro e dea continuidade ao traballo desenvolvido dende o MAC. O concelleiro de Culturas, Deporte e Coñecemento, José Manuel Sande, recordou que dende que se coñeceu a intención da empresa Naturgy de pechar o MAC, o goberno local traballa nesta liña "na creación dunha fundación que, baixo o liderado do sector público e as diversas administracións, e xunto a empresas relevantes da cidade, impulse un centro de arte contemporánea que colla o relevo ao tempo que dea continuidade a este simbólico equipamento que conta, entre outras cousas, cunha colección de primeiro nivel de máis de 600 obras de autores estatais e galegos de enorme repercusión e fama universal como Maruja Mallo, Menchu Lamas, Miquel Barceló, Manolo Paz ou Eduardo Arroyo".

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión