Galicia inicia o curso con 24.081 prazas públicas para nenos de 0 a 3 anos e con 5 novas escolas infantís en Lugo, Santiago, Ourense, A Estrada e Mos
O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, destacou que a Comunidade galega inicia o curso con 24.081 prazas públicas para nenos de 0 a 3 anos, case 500 novas prazas máis que o ano anterior, e con cinco novas escolas infantís en Lugo, Santiago, Ourense, A Estrada e Mos. Durante unha visita ás instalacións da nova escola infantil da Fundación Amancio Ortega en Lugo, Feijóo aseverou que esta cifra a maior en número de prazas de escolas infantís da historia da comunidade- sitúa a ratio de cobertura en Galicia nun 41,6%, oito puntos por riba da ratio mínima aconsellada pola Unión Europea; unha cifra similar á provincia de Lugo que conta cunha oferta total de 2.653 prazas públicas.
O titular do Executivo autonómico recordou que a rede pública de escolas infantís é un dos piares nos que se asenta o Programa de apoio á natalidade. Unha iniciativa que se complementa coa posta en marcha doutras medidas como o Bono Concilia, que este curso conta con 3,4 millóns de euros ampliables para axudar ás familias que residan nun concello onde non existen centros sostidos con fondos públicos, así como a aquelas que non obtivesen praza nas escolas infantís de 0 a 3 anos da rede autonómica ou dependentes dos concellos, cumprindo así un ano máis o compromiso de que non haxa lista de espera para entrar nunha escola infantil.
Sobre este punto, salientou, ademais, que as mulleres vítimas de violencia de xénero terán prioridade no acceso a este bono e poderán presentar a solicitude fóra do prazo establecido.
Outras iniciativas
Cómpre destacar outras iniciativas como as casas niño, un servizo destinado aos núcleos rurais de Galicia que debido á súa escaseza de poboación carecen de servizo de atención continuada para os nenos de 0 a 3 anos. Un servizo que xa está a levar a cabo en 46 concellos, 40 pertencentes ás provincias de Lugo e de Ourense.
Así mesmo, referiuse ao Bono Coidado, para o coidado puntual dos menores de 12 anos no domicilio familiar cando circunstancias imprevistas impidan a súa realización ás persoas que normalmente desenvolven esta función; ou as escolas infantís en contornas empresariais, cunha en marcha desde o curso pasado en Narón e outras dúas que abrirán as súas portas no futuro en Mos e A Pobra do Caramiñal.
Feijóo lembrou tamén que o permiso por maternidade para as empregadas públicas aumentou de 20 a 22 semanas; que a Tarxeta Benvida se estendeu ata os tres anos para as familias con rendas baixas; e referiuse á futura posta en marcha dunha nova bonificación nas taxas das escolas infantís do 25% para o segundo fillo e do 50% para o terceiro e sucesivos.
O presidente da Xunta concluíu agradecendo á Fundación Amancio Ortega o seu compromiso cos máis cativos en colaboración coas administracións autonómica e locais. Non en van, grazas a esta nova infraestrutura, que pasará a formar parte da rede A Galiña Azul, a cidade de Lugo conta cunha oferta de 82 prazas públicas máis para nenos de 0 a 3 anos. En total, estamos a falar de 852 prazas públicas que sitúan a ratio de cobertura desta cidade no 34%, un punto por riba da ratio mínima aconsellada pola Unión Europea, concluíu.
R., 2018-09-18
Actualidad
O equipo, eminentemente galego e cunha moi alta porcentaxe feminina, está a filmar en distintas localizacións das provincias da Coruña e Lugo, a través das que se reconstrúe o nacemento e a evolución da mítica fábrica de cerámica, que se deu en chamar a Bauhaus galega polas cores, formas e deseños vangardistas das súas creacións. Ao tempo, contarase tamén a historia de Galicia a través do seu deseño, cos seus elementos diferenciais e de calidade no centro do discurso. Outros dos escenarios polos que discorrerá Hoxe e o resto do mundo son Cervo (Lugo), onde comeza esta historia a primeiros do século XIX, Sada (A Coruña) e Santiago de Compostela, ademais doutros espazos da cidade herculina.
O CDG celebra os 40 anos da súa fundación desenvolvendo unha intensa programación que estende a súa actividade á produción e participación en 15 espectáculos e proxectos escénicos, a máis de 100 concellos de toda a Comunidade e á colaboración con entidades dunha decena de países en Europa e América. En palabras de Román Rodríguez, conselleiro de Cultura, a unidade teatral continuará avanzando nunhas liñas mestras que, desde o respecto ao pasado, poñen o foco en novas vías de encontro coa cidadanía, na accesibilidade, na proxección exterior ou na creación galega.
Notas
A Facultade de Química será entre os días 3 e 6 de setembro a sede do XI Congreso Internacional de Nanociencia e Nanotecnoloxía Analítica (XI NyNA 2024). O encontro está organizado polo grupo de investigación de Elementos Traza, Espectroscopía e Especiación (GETEE) e o Instituto de Materiais (iMATUS) da USC coa colaboración do Grupo Especializado en Ciencia e Tecnoloxías (Bio) Analíticas da Real Sociedade Española de Química (RSEQ).
Os vindeiros 9, 10 e 11 de abril celébrase na Universidade da Coruña o primeiro congreso IA & Hospitality, un espazo onde se analizará a relación presente e futura entre a Intelixencia Artificial e o turismo, un dos principais motores económicos do noso país. O programa do congreso, que terá lugar no Paraninfo da UDC, inclúe oito mesas de debate nas que se tratará dende a experiencia do cliente ata a ciberseguridade e os destinos e a IA.